Favorecer as vocacións investigadoras e de emprendemento innovador entre a xuventude.
Potenciar o intercambio de experiencias creativas e innovadoras entre os mozos e mozas.
Aumentar a interacción entre o mundo científico e a xuventude.
Sen dúbida, o campo da aeronáutica e o espazo é un dos que máis interese espertan entre o alumnado. O campamento, cun enfoque eminentemente práctico e experimental, oferta un conxunto de actividades didácticas e amenas que permitirán aos participantes introducirse nos conceptos básicos de aviónica e electrónica necesarios para o desenvolvemento de proxectos aeroespaciais. Así mesmo, cóntase con simuladores de voo que permitirán descubrir tanto as bases técnicas do manexo de avións como da preparación de plans de voo.
A metodoloxía que se segue é innovadora e práctica, de forma que permita o máximo aproveitamento por parte do alumnado, e sexa altamente motivadora. Non se ofrece unha formación de contidos clásica, trátase dun campamento tecnolóxico presencial, no que o alumnado traballará con diferentes materiais tecnolóxicos e científicos. Tamén haberá tempo de lecer durante as tardes que acudirán ás piscinas de Tecnópole, a entrada está incluída no prezo da matrícula.
Os obxectivos que se perseguen consisten no desenvolvemento da capacidade resolutiva e innovadora e na dinamización da axilidade mental e da creatividade. Ademais de procurar que o alumnado adquira novos coñecementos científicos e tecnolóxicos, preténdese potenciar neles actitudes como a curiosidade e o espírito emprendedor, entre outras.
Se es alérxico a algo pregámosche que o indiques na autorización paterna/materna.
Transporte incluído dende varios puntos da cidade de Ourense.